Esta páxina está baseada en parte no traballo académico Aproximación á poesía oral escénica da Galicia do século XXI , de Constanza Garabatos Funes. Foi realizado no marco da asignatura Historia das Artes do Espectáculo en maio de 2025, e mereceu a calificación de sobresaínte.
Nos principios do teatro profesional galego (mediados dos anos 1970) prácticamente todas as compañias tiñan algún espectáculo de poesía no seu repertorio. É significativo que unha compañia como Teatro do Atlántico teña producido cinco espectáculos de poesía. O máis recente é De abrentes e ocasos. Recital de poesía galega contemporánea, de 2018. Outro caso significativo sería o de Chévere que en 1998 montou o espectáculo A rutina é o deber de todas as criaturas baseado no libro de poemas de Manuel Cortés do mesmo título. O teatro que investiga en novas linguaxes, como pode ser Anómico Teatro, é un tipo de teatro que combina performatividade e poesía.
En Galicia sempre houbo un bo nivel de producción poética e tamén de recepción da poesía oral. Pioneiros nas performances poéticas foron o grupo poético Rompente, creado en 1975 por Antón Reixa, Alberto Avendaño e Manuel M. Romón. A partir dos anos 1990 apareceron un grupo de poetas galegas comprometidas que tamén realizaron propostas performativas como Paula Carballeira ou Lupe Gómez.
Para aprofundar máis temos www.poesía.org (arquivo de poéticas contemporáneas na cultura) ou o Centro de Interpretación da Oralidade de Vigo.
En Galicia hai varios encontros de poesía oral, como por exemplo o Festival de Poesía no Condado, con máis de 40 anos de percorrido, “Mulleres de carne e verso” do clube de lectura das bibliotecas da Coruña, en San Sadurniño o Recital de Poesía en feminino “Mulleres do rural”, ou o Certame Galego de Poesía Erótica Recitada en Rianxo.
Un fenómeno poético recente é o Slam, no que teñen destacado poetas e dramaturgas galegas coma Esther Carrodeguas ou Carmen Conde. No Slam de poesía os participantes -unha media de 20 en cada evento- suben por quendas ao escenario, onde teñen tres minutos para performar os seus versos. Un xuri elixido ao azar entre o público asistente decide quen pasa á seguinte ronda. O formato conta cun circuito a nivel español.
Táboa das principais autoras contemporáneas galegas da oralidade no ano 2025 (de Constanza Garabatos)
(de Constanza Garabatos)
Os criteiros empregados para a análise de cada modalidade son os seguintes: a súa tipoloxía, orixe, características formais e estilísticas; os diversos elementos de significación teatral e a presencia ou non doutras artes; os principais espazos de exposición e a presenza ou non nos espazos institucionais.
Tipoloxia da poesía oral en Galicia
Poesía oral
recitais tradicionais
slams poetry
Poesía en diálogo con outras artes
poesía escénica
poesía e música
poesía expandida
Os recitais tradicionais son aqueles onde unha persoa le ou recita de memoria un poema diante dun micro para un público.
O micro aberto é o mesmo, pero aberto a calquera que queira participar. As temáticas que podemos atopar nos micros abertos son diversas, destacando poesía de tipo satírico e lírico, así como de denuncia social. Tanto os uns como os outros fanse habitualmente en bares, centros sociais e culturais e salas alternativas. No caso de festivais e eventos institucionais non atopamos a penas micros abertos, sendo máis habituais os recitais de carácter máis tradicional, especialmente no ámbito da institución. Nos micros abertos a calidade non está sempre asegurada porque non hai un criterio, pode recitar calquera persoa. Nos recitais en festivais e actos institucionais atopamos figuras destacadas como: Yolanda Castaño, Carlos da Aira, Oriana Méndez, Branca Trigo, Samuel Merino, Silvia Penas, Noelia Gómez, Paula Pier, Olga Novo, Chus Pato, María do Cebreiro e outras.
O slam é un torneo entre poetas que nace en E.E.U.U. nos anos 80. Varios poetas enfróntanse recitando. Non se trata dun duelo, senón que moitos recitadores se enfrontan ás valoracións do público: algúns chegan a unha fase seguinte, e así conséguese un finalista. Ten unhas normas básicas internacionais:
Debe de ser un micro aberto (todo o mundo poden participar, agás por límite de persoas).
Os textos teñen que ser propios.
Non se permite utilizar música, nin accesorios, nin disfraces.
O tempo límite son 3 minutos.
A característica principal do slam, é que os poetas interpretan a súa poesía escrita para a oralidade e ensaiada na casa: lista para servir a un público. Hai competicións locais, nacionais e internacionais en moitos países, cunha lexión de poetas adictos ao slam. O formato, precisamente polo que ten de competitivo, achégase máis ao público en xeral que calquera outro recital poético.
O slam está influenciado pola xeración Beat, pero bebe tamén do hip hop e o freestyle impro (rapear de xeito improvisado acompañado de base musical ou a capella). A rítmica está por enriba da métrica. Predomina o sarcasmo, a crítica social ou temas de carácter íntimo pero dende a denuncia e a raiba (saúde mental, ecoloxismo, feminismo) e ten mellor acollida a poesía narrativa ou de denuncia social fronte á lírica intimista. No slam é máis importante o impacto do texto no público que a calidade poética da obra, entendemos que por iso non é un espazo preferido polos poetas profesionais. Os espazos habituais onde se levan a cabo son bares, espazos alternativos, centros sociais ou culturais.
Esther Carrodeguas
Carmen Conde
Atopamos no slam poetas non recoñecidos ou amadores, estudantes e rapeiros. É habitual en Galicia que poetas recoñecidos tiveran algunha experiencia no slam no comezo da súa traxectoria poética. Como representantes de Galicia e gañadoras no slam español destacamos a Carmen Conde, Esther Carrodeguas e Paula Pier. Outras poetas habituais na escena do slam son Lúa Mosquetera, Peter Brea e Miguel Ponce de León, que foi finalista do Slam Compostela.
Denominamos poesía escénica á poesía que emprega os elementos de significación propios das artes escénicas: vestiario e caracterización, movemento expresivo, iluminación, proxección audiovisual. Son performances habitualmente presentadas en espazos non convencionais: dende bares e salas alternativas a teatros, museos, a propia rúa, festivais, actos institucionais e practicamente calquera espazo público, por exemplo, un mercado. As autoras son, polo xeral, persoas relacionadas co mundo das artes escénicas e formación en arte dramática, danza ou belas artes. Entre os nomes máis representativos da Galicia contemporánea atopamos a Silvia Penas, Isolda Comesaña, Paula Pier, Nuria Vil e Constance Hurlé.
A poesía musicada non é apenas poesía cun acompañamento musical: Trátase de poesía cun espazo sonoro creado de xeito específico para un texto e que modifica profundamente a experiencia do poema, delimitando a súa rítmica ou sonoridade. Normalmente, preséntase a modo de concerto poético, aínda que hai produción musical nesta categoría. Predomina a formación de dúo: unha poeta profesional con coñecementos de canto ou de linguaxe musical, máis un músico, principalmente un guitarrista. Algúns dos nomes que están en activo a día de hoxe: Cinta Adhesiva, Aldaolado, Paula Pier, Noelia Gómez e Constance Hurlé.
Entendemos por poesía expandida aquela que se pon en relación con outras artes, sexa con artes plásticas e audiovisuais, con tipoloxías como o videomapping, ou outras. Atopamos pouca presencia deste tipo de poesía no espazo institucional, aínda que existen programas relacionados, especialmente coa muller. Normalmente, lévana a cabo persoas que teñen formación noutras artes, especialmente nas artes plásticas. Algúns dos nomes máis destacados son Branca Trigo e Ramón Trigo, que fan xuntos un recital con pintura en directo, as performances de Silvia Penas, a última peza de Isolda Comesaña, Sagrado Corazón, ou a versión integral de Hacialaluz de Constance Hurlé, con música, poesía e imaxe.
Recita no principio do video
Lua Mosquetera Poetry Slam España -. Semifinal Zaragoza
Constance Hurlé: web moi completa con ligazóns a 14 proxectos
Vídeo divulgativo sobre Nuria Vil.
(A canción de fondo é da Banda da Loba: non é Nuria quen canta)
A información sobre as outras poetas mencionadas nesta páxina é habitualmente accesible a través dos seus respectivos instagrams
Rompente histórico
Rompente actual
III Encontro de Novos Escritores
María Lado, Lucía Aldao, Emma Couceiro, Celso Sanmartín, Estíbaliz Espinosa e O Leo.
Reixa lembra que o que unía os membros do grupo "foi unha concepción da poesía como unha forma de intervención. Isto supuña darlle moito valor a como editar os poemas e tamén a como os pór en escena. Fixemos unha serie de actos que chamábamos espectáculos poéticos audiovisuais, hoxe serían performances. Alí púñamos diapositivas, música... Lembro unha intervención do grupo no parque de Castrelos, en Vigo, con motivo do Día das Letras do 77 ou 78. Tíñamos unha escenografía deseñada por Antón Patiño e Menchu Lamas, un púlpito e un megáfono para recitar, lembro aquilo como especialmente grato". De xeito semellante, os recitais-espectáculos de Rompente percorreron, entre 1976 e 1983 o país rachando convencións. Disfraces, dramatizacións, improvisacións... todo se incorporaba ao discurso poético nun momento en que a cultura bulía.
Os membros de Rompente participan no desenvolvemento da movida viguesa e comparten escenarios e proxectos con artistas coma Julián Hernández, futuro membro de Siniestro Total, que achegou a música a moitos dos espectáculos do grupo. Aínda que é ben coñecida a posterior carreira musical de Antón Reixa cos Resentidos, tamén Romón participou en iniciativas deste tipo como o grupo "Los ratones de Vigo" e mesmo compartía coche coa xente de Siniestro Total no accidente que lle deu nome ao grupo. A inquedanza multimedia do grupo levounos mesmo a levar un programa de radio, "Rompente Radio Esquimal".
Botaron a andar uns "Boletíns" dos que só chegaría a saír un número. Iso si, ben cheo de polémica, xa que no Día das Letras dedicado a Manuel Antonio, a portada reclamaba "¡Fora as vosas sucias mans de Manuel Antonio!" Avendaño, no seu artigo, lembra con entusiasmo que "os recitais enchían os auditorios as casa de cultura, as aulas universitarias e os paraninfos dos institutos", e sinala que a miúdo encontraban un público composto por mozos do máis moderno que accedía con eles por primeira vez á poesía en galego. Rompente é unha referencia inescusable á hora de falarmos de grupos que, anos despois, tentaron de novo a aventura de levar a poesía ao ámbito máis popular, como foron Ronseltz ou o Batallón Literario da Costa da Morte.
Video que vincula a regueifa co rap e con outras expresións universais da oralidade tradicional coma os Griots.
Como facer as Coplas para os maios
Sitio da Asociación ORAL de Galicia creado coa intención de abrir unha ventá a todas as persoas interesadas na improvisación oral rimada. Canal de youtube da Asociación Oral
min. 0:42 Mercedes Peón poñendo en contexto aos regueifeiros
min. 8:37 Os regueifeiros non dan marchado de escena :)))
min. 3:52 Presentando a Felicia, que toca un instrumento que estaba prácticamente desaparecido. Os expertos din que xa se tocaba na Idade Media
"Os Fillos de Pepa a Loba"
Romance de cego
Kamishibai
Durante a depresión dos anos ´20 en Xapón era un reclamo para vender chuches aos nenos. O narrador desprazábase en bicicleta, sacaba o teatriño e comezaba a narrar el conto deslizando as láminas no soporte de madeira.
Griots
Son unha síntese de cantante e poeta ambulante, depositarios da tradición oral dos seus pobos. Malia que os griots deben memorizar sen erros moitas cancións e tradicións populares, teñen a habilidade de traducilos a contextos contemporáneos.
Mohammad Motamedi Ensemble (Irán) cantando poesía clásica persa, no Ciclo de Músicas Contemplativas 2011 (Santiago de Compostela)
Compañía de juglares de poesía en escena, sirviéndose de las formas clásicas del actor-recitador. Desde 1971
Jorge Drexler: Poesía, musica e identidad
Improvisación en décimas, por Jorge Drexler y Alexis Díaz Pimienta
Cantautores poetas: Zeca Afonso, Leo Ferré, George Brassens, Jacques Brel, Leonard Cohen, Bob Dylan, Serrat, Patti Smith, etc.
Facundo Cabral
Cantautor, poeta, escritor e filósofo arxentino. Autodefinído como "vagabundo first class"
repentistas nordestinos
Lightnin' Hopkins - The Blues
Semellanzas e diferenzas entre un bluesman como Lightning Hoopkins e os repentistas nordestinos do Brasil