Unha montaxe de repertorio cun elenco con oficio que representa no seu teatro habitual, en principio, non demanda unha investigación en profundidade.
En Galicia, sería o caso dunha compañia aficionada ou semiprofesional de zarzuela, de sainetes, de dramatizacións do patrimonio (Arribada, Reconquista, etc.) e outras. Tamén sería o caso dunha compañia británica especializada en Shakespeare, ou dunha xaponesa especializada en Teatro Noh, ou dun elenco especializado en commedia dell´arte, ou en ópera, etc. que van representar unha peza de repertorio no espazo no que representan habitualmente. De feito a duración dos ensaios pode ser de 50 horas repartidas en dúas semanas, dous meses, etc.
O exemplo contrario sería o dunha compañía profesional que monta un espectáculo de teatro documental de creación propia. Terán que investigar para crear unha dramaturxia, para mergullarse nas convencións, para adestrar técnicas, etc. O proceso das pezas que vimos na sección anterior oscilou entre un ano que durou no caso de Goldi Libre e máis de catro anos no caso de Balor na acción dunha cadeira. En dramatizacións do patrimonio temos o caso de "Os Quinquilláns" que si realizan investigacións exhaustivas.
Entre un extremo e o outro pode haber unha enorme gama.
Isto pode aplicarse a todas as artes do espectáculo. Por exemplo, unha sit-com da TVG sobre unha familia galega que vive nunha zona rururbana, e na que case toda a acción sucede en torno ao sofá de tres prazas da sala de estar, non precisa investigación previa. No outro extremo estaría O Caso Asunta, que demandou unha exhaustiva investigación por parte do showrunner Ramón Campos e dos propios actores e actrices (Candela Peña, por exemplo).
O mesmo podemos dicir dunha peza de danza clásica, de circo, etc.
Sobre o teatro non-artístico que necesariamente demanda investigación hai casos moi obvios: non se pode facer teatro científico sen un asesoramento rigoroso, por exemplo.
Pero hai teatro non-artístico que non demanda investigación en relación ao tema concreto que trata a función concreta que estamos a presenciar. Por exemplo no teatro playback alguén do público conta unha historia da súa vida, escolle os actores para interpretar os distintos papeis e, a continuación, o elenco improvisa a historia narrada de xeito non-naturalista. Obviamente neste caso o elenco ignora de antemán a historia que se vai narrar, co cal difícilmente poderían investigalo. Certamente o elenco ten que estar formado nas técnicas de improvisación (pero iso é formación, non investigación)
Necesariamente o elenco debe dominar desde unha perspectiva emic os temas e historias que poden xurdir. Por exemplo, sería unha ousadía que unha compañia de playback theatre allea á realidade galega viñera a Galicia cando a catástrofe do Prestige para traballar coa poboación. Ou, inversamente, que un elenco galego "caia en paracaídas" en Afganistán para traballar a violencia de xénero. Pero novamente iso non demanda investigación: non demanda coñecer o país, senón ser do país (de algunha maneira).
Poñemos o caso de Afganistán porque efectivamente houbo intervención teatral alí, así como en Burundi, na Republica Democrática do Congo ou en Kosovo.
Asóciase habitualmente a arte á criatividade, e a ciencia á investigación. Non concordamos con isto. Nos seus casos respectivos, ambas son condicións necesarias, pero é obvio que a ciencia é unha actividade altamente creativa, como é obvio tamén que a arte demanda ás veces fortes doses de investigación.
Outro aserto enganoso habitual no coñecemento vulgar é o da independencia do investigador científico respecto da política (ou mellor, da ideoloxía) e o vínculo do artista co compromiso social e político (ou sexa, ideolóxico).
Hai toda unha disciplina, a socioloxía da ciencia, que se ocupa de explicar cómo o científico é un fillo do seu tempo co que comparte inevitablemente anceios, ideoloxía e valores morais. O mesmo cabería dicir do artista.
En calquera caso ambos, o cientifico e o artista, comparten a súa dependencia do poder político, relixioso e financieiro. Un centro de investigacións científicas ou un teatro de ópera non se manteñen cos cartos da taquilla. Nin sequera se pode manter unha sala alternativa ou un pequeno laboratorio. Pero si que poden ser pechados en calquera momento por razóns éticas (traballar con animais), morais ou políticas (influencias nocivas na sociedade).
Metodoloxía de investigación en artes escénicas: combinación ad libitum de todas as técnicas.