Esta foi a proposta de obradoiro de Paula Carballeira nas Xornadas de Formación do ano 2026 organizadas por NOGA (Narradores Orais Galegos): Imaxinación, acción, suxestión. O trespés da narración oral. Como crear imaxes coas palabras. Reivindicación da imaxinación. As figuras retóricas na narración oral. O apoio xestual.
Incluímola aqui polo seu interese, non só para narradores, senón para profesionais do espectáculo en xeral.
Ademáis a proposta da actividade é moi sinxela e lúdica, pero extraordinariamente eficaz.
Na última parte engadimos uns exercicios e suxestións moi interesantes de Celso Sanmartín sobre as recollidas de contos.
DEFINICIÓN: A retórica é a arte ou disciplina de falar e escribir de maneira eficaz e persuasiva para deleitar, conmover ou convencer un auditorio
A retórica ten moi mala prensa hoxe en día. Cando se fala de retórica a connotación é a do mal uso ou abuso da retorica. Algo así como se cando falamos de Ximnasia se nos fora sempre a cabeza ás lesións, ós gym-bros e a ese cheira entremesturado de linimento e suor. Así por exemplo, unha desculpa retórica é unha mostra de cinismo. Tamén relacionamos a retórica co baleiro, coa pomposidade ou con razoamentos que non son do caso.
Pero polo que vimos na definición, a retórica é fundamental na formación de calquera artista, e non só da palabra, porque existe tamén a retórica da imaxe, que tratamos nesta web noutro apartado.
Na sesión anterior repartiremos fotocopias coa definición das figuras retóricas máis un exemplo para cada unha. O obxectivo é que o alumnado se familiarice cos conceptos. Podemos tamén encargar un exercicio para realizar na casa: escribir un par de exemplos de cada figura.
Prepararemos unhas etiquetas autoadhesivas, cada unha delas cun nome de unha figura retórica: oxímoron, metáfora etc., e no día da sesión:
Distribuiremos un autocolante a cada participante. Cando estean todas distribuidas, iremos chamando a cada unha das figuras. Esta levantaráse dirá,por exemplo: "Son Oxímoron, e xunto dúas palabras con significados contrarios, como por exemplo silencio atronador". E a continuación, regalaranos un exemplo novo que se lle ocorra no momento.
Tomamos un conto coñecido. Paula Carballeira elixiu Hansel e Gretel, así que tomaremos ese mesmo. Imos recordar o esquelete do conto para que todos os participantes o teñan presente: "Hansel e Gretel, eran dous irmáns que vivían pobremente cos seus pais. Os pais deciden abandonar os nenos no bosque, xa que non hai comida para todos. Pero esa noite Hansel escoita o plan, sae da casa e recolle pedras brancas. E o día seguinte, mentres camiñan, Hansel vai guindando as pedras sen que os adultos se decaten. Pola noite, os pais déixanos sós pero, ao saír a lúa, os nenos seguen o brillo das pedras e conseguen regresar á casa. Os pais repiten a estratexia, pero esta vez pechan a porta da casa pola noite e Hansel non pode recoller pedras. Hansel decide guindar migas do pan que lle deran. Cando intentan regresar seguindo o camiño, descobren que os paxaros comeron todas as migas. Quedan perdidos de verdade. Tras vagar polo bosque, un paxaro guíaos ata unha casa feita de chocolate e doces. Comezan a comer da casa e aparece unha anciá que os convida a entrar. En realidade, é unha bruxa que se alimenta de nenos. A bruxa encerra a Hansel nunha gaiola para cebalo e obriga a Gretel a facer as tarefas do fogar. Como a bruxa está medio cega, pídelle a Hansel que lle deixe palpar o dedo para saber se engordou. El sácalle un óso de polo para facerlle crer que segue fraco. Cansa de agardar, a bruxa decide acender o forno para cociñar a Hansel. Pídelle a Gretel que entre para ver se está quente. Gretel finxe non saber como se fai e a bruxa móstralle como entrar. Nese momento, Gretel empúuxaa dentro e pecha a porta de ferro. Gretel libera o seu irmán e xuntos atopan un tesouro na casa da bruxa. Atopan o camiño de volta e os pais recíbenos con ledicia porque levan consigo riqueza de abondo para o resto das súas vidas."
Comezamos a contar o conto, e de vez en cando pararemos e pediremos a unha figura que ilustre o conto: "Hansel e Gretel, eran dous irmáns que vivían pobremente coa súa nai e o seu pai, un pobre leñador... Oxímorón!" E oxímoron levantarase e dirá "vivían na abundancia de pobreza, na opulencia da miseria". E iremos transitando polo resto das figuras retóricas.
"Continúa ti". Alternativamente pediremos a unha participante que continúe a contar o conto no noso lugar, e que sexa ela a que vaia pedindo ás compañeiras que ilustren o conto, mentres nos observamos o proceso
Símil: Establecer relación de semellanza entre dúas cousas ou ideas usando un nexo (coma, igual que, parecido a, etc.): «Os seus ollos brillan coma dúas estrelas», «Estaba frío coma o xeo», «Os seus dentes son parecidos a perlas"...
Metáfora: O mesmo que símil, pero sen nexos: "O tempo é ouro", "as estrelas dos seus ollos", "as perlas da túa boca"...
Metonimia: A diferenza da metáfora (que se basea na semellanza), a metonimia fundaméntase nunha relación real e lóxica entre os dous elementos. Bebemos unha botella de viño, Comín dous pratos de caldo, Viven do seu traballo. (Viven do diñeiro que produce ese traballo), Comprou un lenzo de Laxeiro, Gústame ler a Cunqueiro, Pediu un Ribeiro na taberna, É o mellor violín da orquestra...
Hipérbole: Metáfora extrema. Exemplos: Chorei un río de bágoas cando marchaches.Teño tanta fame que comería un boi enteiro.Dixenllo un millón de veces e segue sen facer caso.Tardaches unha eternidade en chegar...
Retruécano: Repetir unha frase invertindo a orde dos seus termos para crear un contraste ou en creando un significado completamente novo. Exemplos: "non é o mesmo un profesor grande que un gran profesor". De Mariano Rajoy: "Somos sentimientos y tenemos seres humanos."(Inversión errónea de "Somos seres humanos e temos sentimentos"), "Haré todo lo posible e incluso lo imposible, si es que lo imposible es posible."
Paráfrase: Trátase de dicir o mesmo pero con outras palabras. Frase orixinal :«O paciente presenta un cadro de gastroenterite aguda con hipermotilidade intestinal, o que resulta nunha evacuación líquida e frecuente.» Paráfrase (neste caso, humorística):«Ten cagarría»
Onomatopea
Personificación: atribuír accións ou facultades humanas a animais, obxectos inanimados ou conceptos abstractos. Naquel enterro choraban ata as pedras, Que din os rumorosos?
Sinestesia: mesturar sensacións que proceden de sentidos diferentes. Cheira a algo azul (Cunqueiro), "o silencio branco do hospital" de Luís Pimentel, O berro seco (Milladoiro), Unha mirada fría, "...palabras de doce melodía."(Eduardo Pondal).
Anáfora: é unha repetición dunha palabra ou frase. Desde o punto de vista da información que se proporciona é prescindible, pero na oralidade contribúe ao ritmo, e ás veces ao dramatismo: «O vello camiñaba amodiño, amodiño...", O lobo soprou, soprou e soprou e a casiña derrubou, "A las cinco de la tarde / Eran las cinco en punto de la tarde / Un niño trajo la blanca sábana / a las cinco de la tarde, etc.
Amplificación: ampliar ou intensificar unha idea ou un feito mediante a acumulación. Na canción do Temporal de Amado Carballo observamos a amplificacion do temporal: Os berros dos mazaricos rachan as sedas do mar, no carro das mouras nubes vén do sur o temporal.Nas barras e nos peiraos rompen as foulas cristadas de lóstregos azuados das estrelas afogadas. Púxose o ceo de loito polos que van afogar. As centellas como trallas baten no lombo do mar. (tamén hai personificación, símil, metáfora e redundancia.
Oxímoron: xuntar palabras con significados contrarios, como por exemplo silencio atronador
Elipse: omitir palabras ou secuencias enteiras que non serían necesarias para a correcta comprensión da frase. "O corazón e o medo ¡sempre tan xuntos!" (Alfonso Pexegueiro. Omitimos o verbo están ou van). No cinema son frecuentes as elipses de accións cotiás por corte de edición: un personaxe camiña pola rúa. Hai un corte de edición e, de súpeto, está abrindo o portal da súa casa. Hai outro corte e vemos que está sentado na sala vendo a televisión. Omitense partes, pero o espectador entende o proceso lóxico.
Reticencia: deixar unha frase incompleta. Emprégase para crear suspense, ironía, dúbida ou dar a entender máis do que se expresa con palabras. «Se as paredes falasen...», «Mira, mellor non digo nada, pero ese rapaz...», etc.
Anacoluto: cambio na estructura sintáctica da frase. É algo habitual na fala informal. Exemplos: "O meu amigo, os seus pais son de Murcia", "Eu, lendo ests libros, ocorrenseme ideas fabulosas"...
Polisindeton: repetir conjuncións ou nexos (como e, nin, ou). Exemplos: «O prado e o val e a gruta e o río e fonte responden ao seu canto entristecido.», nin quero, nin debo, nin podo, et.
Asíndeton: Omitir os nexos. «Cheguei, vin, vencin» (Atribuido a Xulio César), había xamóns, queixos, patés, chourizos, motadela...
Énfase: reducir unha palabra ao mellor de algo, ou ao peor: «É un político de verdade.», «Non é música, é Arte.», «Xuventude, divino tesouro.»
Prosopografía: descrición física ou externa. La Celestina: as pestanas longas, as cellas delgadas e alzadas, o nariz mediano, a boca pequena, os dentes menudos e brancos, os labios colorados e grosos...»
Etopea: descrición das calidades morais, psicolóxicas, costumes ou carácter
Na wikipedia podemos atopar 124 figuras retóricas con exemplos
Celso contounos que, impartindo un curso de narración oral a mestras, estas pedíronlle un decálogo, un prontuario, unha receita para contar contos. Isto foi o que lles suxeriu:
Se cadra é teu pai nas reunións familiares, se cadra é unha tía que ten o costume de contar os seus soños, ou un amigo que ce conta sempre a pelicula que viu o dia antes.
Sexa quen sexa, analiza por qué esa persoa conta ben
A voz propia descubrímola cando contamos sobre a nosa vida.
Cóntanos que hai arredor da túa casa
Cóntanos o que hai no camiño á túa escola
Cóntanos se che pasou algo, algunha vez nese camiño
O chaveiro conta a historia de cada chave. É a historia do que posuímos e do que gardamos. As chaves permiten contar:
O teu territorio: o piso, a túa habitación, a cancela, o garaxe...
O camiño dunha casa a outra. Do trasteiro ao piso, da casa ao coche...
O teu traballo e aficións
Celso preguntou a un grupo de alumnos de primaria que tesouros había na súa aldea, no seu territorio. Non sabían de ningún. Entón díxolles que preguntaran na casa. E aí comezaron a aparecer tesouros e máis tesouros.
O alumnado tomou conciencia do seu territorio
Preguntar se se lles apareceu alguén.
Para cando se perde algo, para o mal de ollo, etc.