Danza Moderna

Historia da Danza Moderna

Estados Unidos están considerados como a patria da danza moderna, pois é nese país onde aparecen as primeiras bailarinas que usan o seu corpo dunha maneira completamente distinta á regulada polo ballet clasicista.

Europa, onde a tradición do ballet está moito máis arraizada, tarda algo máis en producir as súas propias bailarinas, aínda que dispensa unha excelente acollida ás pioneiras americanas. Partindo da distinción entre estes dous focos, o americano e o europeo, faremos unha proposta de clasificación da danza moderna.

  1. Primeira xeración. Ata os anos 1920

EEUU: As pioneiras da danza moderna son dúas mulleres norteamericanas: Isadora Duncan e Ruth St.Denis. Para elas a danza é un reflexo do que queren expresar intensamente co seu corpo, sen preocuparse de consideracións de orde técnico ou estético, son bailarinas libres xa que se alonxan a mantenta dos principios inmutables da técnica clásica. A estas duas pioneiras podemos unir dous americanos máis: Loie Fuller e Ted Shawn.

EUROPA: Pero antes de estudar ás bailarinas pioneiras é preciso deterse nos teóricos e pedagogos: Delsarte, Dalcroze e Laban, tres teóricos do movemento, que son considerados os verdadeiros inspiradores da danza moderna, que son contemporáneos das pioneiras e das fundadoras da danza moderna.

[isto non é danza moderna] EUROPA: Os Ballets Rusos de Diaghilev. Supoñerán un xiro wagneriano no ballet, xa que o seu promotor, Diaghilev, propón un espectáculo total. Tamén dentro dos ballets rusos, Nijinski revolucionou o ballet clásico, xa que era un bailarín educado na máis estricta tradición dos Ballets Imperiais, que, non obstante, reducirá á coreografía a camiñar, en sintonía coas tendencias da danza moderna.

  1. Segunda xeración. 1920-1950

EEUU: As fundadoras da danza moderna serán as da xeración procedente da Denishawn á que pertencen Martha Graham, Doris Humphrey e José Limón. Atopan a súa propia linguaxe motivada polos problemas sociais do mundo que lles rodea. As súas danzas pouco e pouco vanse convertendo en auténticos berros de protesta.

EUROPA: Danza expresionista alemana. Mary Wigman, Kurt Loos

  1. Terceira xeración 1950- ata hoxe

EEUU: A danza contemporánea xurde da man de Merce Cunningham, Paul Taylor, Alwin Nikolais ou Murray Louis. Procura dun espectáculo totalizador, teatral no que, de forma cohesionada e equilibrada, se mesturan e relacionan a acrobacia, o ballet, a danza moderna, o jazz, etc.

EUROPA: Pina Bausch

...

É preciso recordar que esta é unha clasificación realizada con fins didácticos. Na realidade todos estes creadores foron máis ou menos contemporáneos e estaban relacionados entre si. Por exemplo:

DALCROZE: Promove a Escola e o Festival de Hellerau (Alemania) entre 1911 e 1913. En 1914 rematará coa chegada da Primeira Guerra Mundial. Dalcroze, coa colaboración do escenógrafo Adolphe Appia, aplicou os principios eurítmicos á escenificación. Público asistente: Max Reinhardt, Sergei Diaghilev, Rudolf von Laban, Nijinski, Ana Paulova. Despois de 1914, Dalcroze tivo que trasladar a súa escola a Viena, onde permaneceu ata a súa morte. Entre os estudantes que frecuentaron ese centro educativo figuran Mary Wigman. Nijinski aplicou os métodos dalcrozianos ao seu traballo cos Ballets Rusos a partir de 1913.

Martha Graham (EEUU) coñecía a danza expresionista que desenvolve en Alemania Mary Wigman e hai unha influencia explícita nela do vestiario e a percusión que utilizaba a bailarina alemana.

E o mesmo podemos dicir de Duncan e Fuller, americanas que desenvolven a súa carreira en Europa relacionándose cos teóricos da danza e do teatro do momento, e de tantas outras.

Pedagogos: Delsarte, Dalcroze e Laban

F. Delsarte

1811-1871

Inventou un sistema preciso de linguaxe corporal, unha nova ciencia do movemento. Amosa a relación entre o espírito e o corpo, entre o pensamento e o xesto.

As tres formas esenciais do movemento según Delsarte son:

  • Oposición: dúas partes do corpo movéndose ao mesmo tempo pero en direccións opostas.

  • Paralelismos, na mesma dirección.

  • Sucesións, un movemento fluído que percorre todo o corpo. É o máis axeitado para expresar a emoción e un dos máis característicos da danza moderna.

Un dos seus discípulos foi o actor norteamericano Steele Macaye que se encargou de divulgar nos EEUU os principios de Delsarte que se coñecen co nome de Harmonic Gymnastic.

As pioneiras da danza moderna en EEUU, Isadora Duncan e Ruth St. Denis coñeceron os principios de Delsarte a través do sistema propagado por Macaye que influíron enormemente na súa concepción da danza.

J. Dalcroze

1865 – 1950

Video: de 2:38 a 4:36.

Creador da ximnasia rítmica, método que permite adquirir o sentido musical por medio do ritmo corporal. Tivo unha grande influencia sobre a arte teatral e a danza moderna.

Coincide con Isadora Duncan nas súas ideas sobre a emancipación das persoas mediante a danza, e en contra da utilización de movementos antinaturais. Pero alónxase de Duncan, porque esixe que a danza non se abandone á inspiración senón que se fundamente nuns principios.

O seu método pódese codificar así:

  • A repetición: os ritmos nacidos da repetición convértense en automatismos. Dese xeito a persoa aprende a escoitar, a escoller o seu pensamento e a expresarse.

  • Encadeamento de causa e efecto, despois de terse iniciado o ritmo é xerador da relación entre a causa (a música) e o efecto (o movemento), xunto coas leis da harmonía que poñen en marcha o xesto expresivo-

  • A lei do mínimo esforzo: economía corporal.

O Instituto que abre en Hellerau atraerá a numerosos artistas (Appia, Stanislavski, Max Reinhardt) e a bailaríns como Mary Wigman, que difunde o seu método por EEUU.

Dalcroze rexeitaba a aplicación da pintura e da escultura non só á coreografía, senón tamén á escenografía. Nas postas en escena de Hellerau os tradicionais decorados pintados foron substituídos por pezas móbiles, similares aos screens de Craig, continuamente reordenados coma nun xogo de construcións.

R. Laban

1879 – 1958

De pequeno quedou impresionado polos derviches ao descubrir que o seu modo de expresión respondía máis a unha necesidade interior que ao pracer de mostrar un espectáculo.

En 1936 o Partido Nazi pediulle que organizara unha coreografía para os XXOO de Berlín. Limitouse a darlles unha partitura coreográfica a cada un dos grupos participantes das trinta cidades representadas, e os máis de mil participantes realizaron á perfección os seus movementos de conxunto.

O seu sistema de notación é o sistema de escritura do movemento máis utilizado no mundo da coreografía.

Os principios de Laban:

  • A kinesfera é o espazo no que o corpo pode moverse. As tres dimensións: vertical, horizontal e transversal, corresponden á altura, anchura e profundidade.

  • As doce direccións, obtéñense mediante a combinación das tres dimensións coas direccións: arriba-abaixo, esquerda-dereita e diante-atrás. Estas combinacións forman un icosaedro.

  • Contrariamente aos principios do ballet, que están baseados na elevación, Laban fai fincapé no peso, que permíte ao bailarín vencer a forza da gravidade.

Os seus principios estéticos sobre a danza son coñecidos como “expresionismo alemán” ao que pertencen Mary Wigman e Kurt Joos.

Pioneiras: Duncan e St.Denis + Fuller e Shawn

Isadora e Gordon Craig coa filla da parella. Duncan e Craig mantiveron unha intensa relación entre 1908 e 1912. Foi ela a primeira en falarlle a Stanislavski de Craig e en pasarlle os seus libros. De aí nacería a colaboración que concluiría co Hamlet de 1912 no Teatro de Arte de Moscú.

As ondas do mar, o vóo dos paxaros, o tremor das follas das árbores, o evoluír das nubes eran os modelos aos que Duncan quería remitir coas súas coreografías

Isadora debutou en Europa en 1899, e propuxose construír un Templo da Danza en Atenas, onde viaxou en 1903. O templo proxectado non chegou a realizarse. Aquí aparece bailando no Teatro de Dionisos. Isadora volvería varias veces a Grecia.

No Teatro Booth de Nova York, en 1917.

"Resumindo todas as nosas conversas fortuítas sobre a arte, e comparando o que Duncan dicía co que eu mesmo facía, decateime de que os dous andabamos á procura da mesma cousa, aínda que en distintas expresións da arte”. (Mi vida na arte, Stanislavski, pp. 28-29)

Isadora Duncan

1878 - 1927

No video: Tamara Rojo (directora do English National Ballet) bailando ao xeito de Isadora.

Isadora era una apaixoada do ensino da danza pero aplicaba nas súas escolas a súa experiencia persoal. Por este motivo a sua obra non sobreviviu. Pero o seu exercicio da liberdade, tanto na súa propia vida como a través da danza, convertérona nun símbolo da muller nova do S. XX e nunha icona do feminismo mundial. O seu impacto na cultura popular reflictese na película "Isadora" (1968) ou na canción de Celia Cruz.

Rebélase contra a danza clásica porque non acepta someterse a regras estrictas.

(era una apaixoada do ensino da danza). Aplica nas súas escolas os resultados da súa experiencia persoal

Principios da súa arte:

  • A observación dos movementos da Natureza, como as ondas ou as nubes. Tamén o contacto dos pes co chan.

  • A beleza e a forma: o movemento procede da forma. Atoparemos “a alma das formas” e o movemento apropiado se buscamos na Natureza as formas máis fermosas.

  • O ritmo obedece ás leis da harmonía de ondulación e continuidade porque no universo “todo se atrae, todo se confunde, todo se enlaza nunha cadencia sen fin”.

  • Unha reforma: o vestido. A liberación a través da danza inclúe eliminar a roupa que oculta o corpo e estorba. Baila con túnicas lixeiras para resaltar as formas e o movemento inspiradas nos debuxos e esculturas da Grecia clásica.

  • A técnica. A súa danza é instintiva pero ela subliña o feito de que nunca improvisa en escena. Todas as súas danzas están coidadosamente preparadas en todos os detalles.

Loie Fuller

1862 - 1928

No video: imitadoras de Fuller contemporáneas a ela.

Loíe Fuller naceu en Chicago e traballou como actriz desde nena. Unha casualidade levouna a descubrir os atractivos efectos visuais de grandes telas de seda en movemento e iluminadas con cores procedentes dos nacentes proxectores eléctricos. Así naceu a súa Danza serpentina (1891), para a que se axudaba de bastóns, e que seduciu ao público parisino cando Fuller decidiu probar sorte na capital francesa en 1892.

É difícil considerar a Fuller unha bailarina no sentido estricto da palabra, pois a súa acción corporal reducíase aos brazos e, máis que o corpo, era a interacción entre seda e luz.

É a primeira vez que no teatro se utilizan ao mesmo tempo os efectos de luz e de movemento. Tamén introduce a utilización de proxeccións.

A contribución de Loïe Fuller á postas en escena pode ser comparable ás teorías de Gordon Craig ou Adolphe Appia aínda que nela se reduza ao ámbito da luz.

Os maiores éxitos acádaos en Francia onde Toulouse-Lautrec debuxa os seus carteis.

Ruth St. Denis

1879 – 1968

Estilo exótico, relixioso e teatral. Video: coreografía de Intolerancia, por St. Denis. Igual que Fuller, Saint-Denis era actriz de variedades desde nena ata que decidiu dedicarse á danza. Moi afeccionada ao misticismo exótico e ás culturas orientais, iniciou a súa carreira cun programa de danzas inspiradas na relixión e cultura da India. Exipto, Xapón, Birmania… serían outras fontes de inspiración, e tamén axudou a popularizar o baile flamenco fóra de España.

Os maiores éxitos alcánzaos xunto ao seu home, o bailarín Ted Shawn co que funda a escola e compañía de danza Denishawn que exercerá unha enorme influencia e de onde xurdirán os mellores bailaríns americanos do século XX. Posteriormente Shawn creará outra escola de danza: a Jacob’s Pillow.

Dunha serie de videos sobre ela, No min 2:55 St. Denis fala sobre a relación entre relixion e danza.

Ruth St. Denis performing her East Indian Nautch Dance

Danza cósmica de shiva. A día de hoxe pode resultar anacrónico, pero naquel momento (1920) era revolucionario inspirarse na cultura India, e que danzara un home.

Todo o elenco son homes. Unha das fontes inspiradoras de Shawn foi Walt Withman, que reunía na súa persoa a homosexualidade cun forte sentimento da virilidade.

Ballets rusos de Diaghilev

Os Ballets Rusos foron unha creación do empresario e produtor Sergei Diaghilev, e desenvolveron unha importantísima actividade en Europa entre 1909 e 1929. Diaghilev (1872-1929) pertencía aos círculos intelectuais e artísticos de Moscova, onde montou unha gran exposición en 1905 con obras de arte rusas que fora recollendo. En París, en 1907 organizou uns concertos de música rusa que deron a coñecer en Occidente a compositores como Tchaikowski, Rimsky-Korsakov, Rachmaninov ou Scriabin. En 1908 a estrea en París Boris Godunov, a gran ópera de Mussorgski. En 1909 presenta os Ballets Rusos.

Diaghilev organizou esta compañía con bailaríns dos Teatros Imperiais rusos (Anna Pavlova, Vaslav Nijinski…), formados todos eles co mítico coreógrafo Marius Petipa. Contaba con extraordinarios deseñadores e pintores, e con coreógrafos de primeira fila como Mijail Fokine, Leonid Massine e o propio Nijinski. Entre os compositores, o home clave foi Igor Stravinsky.

En 1917 produciu Parade con coreografía de Massine, texto de Jean Cocteau, música de Erik Satie e deseños escénicos de Picasso.

Diaghilev está considerado como primeiro gran empresario e xestor cultural do S. XX. O rei Alfonso XIII: preguntoulle ¿qué hace usted en la compañía? Usted no dirige. No baila. No toca el piano. Diáguilev replicó: 'Majestad, soy como vos. No trabajo, no hago nada, pero soy indispensable".

Os ballets rusos tentaron trasladar ao ballet as reformas que Wagner introducira anos antes na ópera. A técnica tiña que estar ao servizo da expresión artística e danza, música, deseño e coreografía debían fundirse nunha unidade dramática de sentido.

Aínda que influído polas teorías de Isadora Duncan, Fokine non intentou establecer unha ponte entre danza clásica e moderna, pois consideraba esta última unha serie de ideas carentes de técnica coa que darlles forma.

Léon Bakst: O paxaro de lume, bailarina, 1910

O segredo do éxito dos Ballets Rusos non estivo só na música de Stravinski nin tampouco nas coreografías e en bailaríns como Nijinski ou Fokine, senón na conxunción destes coa potente plasticidade das escenografías e vestiarios de deseñadores Leon Bakst e outros.

Nijinsky en Scheherazade (1910)

O seu pai pertencía á 4º xeración de bailaríns polacos. Era propietario dunha compañía de danza coa que percorreron toda Rusia.

En 1914 Diaghilev expulsa a Nijinski da compañía tras da súa ruptura sentimental.

Retirouse en 1919, vitima de transtornos mentais e ata que morreu en 1950 estivo ingresado ou baixo custodia de familiares e amigos.

A siesta dun fauno, 1912, da película Nijinski

O ballet representa a siesta dun fauno interrumpida por unhas ninfas. O fauno recolle o velo dunha delas, e refrégao contra si en actitude claramente erótica. O escándalo foi dobre: pola cuestión masturbatoria e pola custión artística, pois no ballet non había apenas saltos, e isto decepcionou ao seu publico.

Petrushka foi un dos maiores éxitos na historia dos Ballets Rusos e converteu a Vaslav Nijinski nun mito da danza.

Decorado de Alexander Golovin para O paxaro de lume.

Parade: vestiario e escenografía, Pablo Picasso

Sherezade. Figurín para o Sultán Shahriar, de L. Bakst, 1910

O legado de Diaghilev

“(Diaghilev) conseguiu que a danza, e máis en concreto o ballet, fose tomado en serio polas demais artes. De ser unha arte ignorada case por completo ata o seu momento, coa danza adquire unha importancia social, artística e histórica que nunca volveu ser igualada. (…)

Con todo, non hai que perder de vista que gran parte do legado de Diaghilev ía actuar como unha verdadeira lousa para a propia arte. (...) O equilibrio requerido por Diaghilev nas súas ideas wagnerianas en pos da obra de arte total, foron principios que moitos coreógrafos pasarían a rexeitar de maneira contundente. (...) a proposta máis radical será a de Merce Cunningham, quen chegará a proclamar a autonomía da danza mesmo en relación coa música.

Ana Abad Carlés: Historia del ballet y la danza moderna. Pp. 220-221

Fundadoras: Graham, Humphrey, Limón (Denishawn)

Martha Graham (1894-1991)

Coreógrafa, bailarina, muller de teatro e mestra de bailaríns. A súa técnica exerceu unha gran influencia na danza moderna. O corpo será o instrumento destinado a transmitir a mensaxe que Graham quere dirixir á sociedade.

Entra a estudar en Denishawn pero pronto se convirte nunha das súas bailarinas máis destacadas.

Despois de seis anos en Denishawn decide liberarse das influencias recibidas para atopar un modo de expresión máis persoal e rebelaráse contra as danzas exóticas que estaba obrigada a interpretar en Denishawn.

Co trío Martha Graham en 1926 sinálase a data de nacemento da danza moderna durante un recital nun teatro en Nova Iorque. Nesa mesma época descubre, a través de libros e fotografías, a danza expresionista que desenvolve en Alemania Mary Wigman. A Martha Graham chámanlle a atención os sobrios traxes que usa a bailarina alemana, así como a utilización de música de percusión como acompañamento das súas danzas.

Son características de Graham o seu compromiso político con pezas sobre a guerra civil española (Deep song, 1937), a crítica á intolerancia da América profunda (American provincials, 1935) e o seu interese pola traxedia grega como fonte de inspiración.

Atopou a súa propia linguaxe motivada polos problemas sociais do mundo que a rodea. As súas danzas pouco e pouco vanse convertendo en auténticos berros de protesta, facendo critica ao imperialismo en Chronicle.

A partir dos anos 40 deixa practicamente de actuar ante o público e céntrase en crear coreografías para os seus bailaríns.

Graham fixouse en Merce Cunningham cando este tiña 20 anos e invitouno a unirse á súa compañía. Cunningham traballaría con ela entre 1939 e 1945.

min 4:00. O mito de Edipo Iocasta: Martha Graham; Tiresias: Paul Taylor. Tema teatral.

Lamentación (1930 ) é un dos solos máis célebres de Graham. Graham bailaba sentada nunha cadeira e cuberta por un manto que apenas deixaba ver o seu corpo. A coreografía estaba inspirada en esculturas do expresionista alemán Ernest Barlach.

Min 2:00. "Diversion of angels" (Liceu 2010-11) A compañía de Martha Graham na actualidade.

Min: 2:00 Martha Graham Dance Company's 'Political Dance Project'. Ano 2010. Inclúe 'American Document' by Anne Bogart and 'Dance is a Weapon'.

Doris Humphrey

Bailarina da mesma xeración que Martha Graham. Alumna tamén de Denishawn. Ao contrario que Graham, que foi sempre protagonista mesmo cando deixou a escena e se centrou na coreografía, Humphrey nunca pretendeu destacar no grupo, permanecendo á sombra máis preocupada polas súas investigacións coreográficas.

Gustáballe explorar as posibilidades do movemento, non para lograr resultados espectaculares, senón para atopar a linguaxe que traducira a insatisfacción ante a desigualdade humana.

A súas coreografías ían dirixidas contra a fame no mundo, ou contra a fatalidade do destino e facía unha exhaustiva exploración dos diferentes estados de ánimo nos que vive a danza, según declaraba ela mesma.

Ademais de bailarina e coreógrafa escribiu varios libros sobre danza e creou un sistema de notación da danza alternativo ao de Laban, que non tivo demasiado éxito.

Despois de abandonar Denishawn asociouse con Charles Weidman, que tamén fora alumno da escola, e a súa colaboración durou case vinte anos.

Alguhas das súas coreografías foron: The Happy Hypocrite, New dance, Theatre piece, On my mother’s side e And daddy was a fireman.

Graham vs. Humprey: Graham partiu da premisa de que “da emoción xurde a forma”, moi afín aos presupostos artísticos do expresionismo alemán que inspiraron coreografías como Lamentation. Este principio era xustamente o contrario do expresado pola súa antiga compañeira no Denishawn e rival artística Doris Humphrey, quen afirmaba que era da forma de onde nacía a emoción.

min. 0:59. Video realizado por estudantes que explica a técnica de Humphrey

min00 - 1:00. Video con explicación subtitulada ao portugués

Estudo sobre a auga" (1928)

Documental sobre Humphrey. Interesante o min 1:46

José Limón (México 1908 – New Jersey 1972)

Foi discípulo de Doris Humphrey e formou parte da compañía Humphrey-Weidman algún tempo aínda que pronto se decata de que prefería expresarse dun xeito propio motivo polo que abandona a compañía.

Os seus obxectos de inspiración teñen moito que ver coa súa orixe mexicana e coa cultura española.

En 1937 compuxo un ballet afectado pola guerra civil española, Danza de la muerte. Outra das súas coreografías está inspirada no poemario de García Lorca Llanto por la muerte de Ignacio Sánchez Mejías. Sobre temas mexicanos podemos mencionar Danzas mejicanas e La Malinche.

É considerado un dos grandes pedagogos da danza moderna. Elaborou un sistema completo de ensino da súa técnica persoal que tivo e ten numerosos seguidores.

Pouco antes da súa morte (1972) compuxo con música de Chopin unha homenaxe a Isadora Duncan que titulou Danzas para Isadora que intenta reflictir o espírito e a estética da artista.

Baila o propio Limón

José Limón: Biografía e entrevistas

min 4:40: Othello: Moor´s Pavana. José Limón: Documental

CH. WEIDMAN (creou compañia con Humphrey): "Lynchtown", un drama en danza baseado na experiencia da infancia do coreógrafo como testemuña involuntaria dun linchamento.

Danza expresionista alemana. Mary Wigman, Kurt Loos.

Intro ao expresionismo en pintura

O Expresionismo toma forza en Alemania a partir da fundación do grupo Die Brucke en 1905. A estes pintores únenselle despois os agrupados en Der Blaue Reiter (1911), capitaneados por Kandinsky.

O expresionismo nace como reacción fronte ás correntes impresionistas e realistas da pintura de finais do S.XIX. Partindo da obra de autores como Van Gogh, Gauguin e Edward Munch, pretenden unha arte que se relacione co mundo exterior a través da expresión plástica dos estados de ánimo, as turbulencias emocionais e a suxeitividade dos creadores.

Aínda que tanto Die Brucke como Der Blaue Reiter se disolven como grupos en 1913 e varios dos seus integrantes resultan mortos ou con graves danos psíquicos tras a súa participación na Primeira Guerra Mundial, o certo é que o expresionismo sobrevive á guerra e se estende a outros territorios artísticos (teatro, poesía, novela, cine, danza, música e mesmo arquitectura), converténdose na principal tendencia artística na Alemania da República de Weimar e permeando boa parte da arte europea dos anos 20.

Alemania foi o país europeo que recibiu con maior interese a aparición da danza moderna, fenómeno que se vinculou moi rapidamente ao expresionismo e ás experimentacións artísticas del derivadas. Dalcroze, establecido en Hellerau, desde 1911 contribuíu ao interese polo corpo como medio de expresión e o mesmo fixo outro importante teórico desta época, Rudolf von Laban, quen tería como alumna a Mary Wigman.

Mary Wigman interpretando Totentanz. 1926. E. L. Kirchner

Danza arredor do becerro de ouro (1910) Emil Nolde

A danza (1910) Matisse. [isto é fauvismo, que cadra co expresionismo en temática e tratamento]

Mary Wigman (1886-1973)

A alemana Mary Wigman estudou con Dalcroze e con R. Laban, relacionouse estreitamente cos integrantes de Die Brücke e durante a Primeira Guerra Mundial participaría en Zurich nas veladas do Cabaret Voltaire que suporían a posta en marcha do dadaísmo. Tamén foi moi importante para ela a súa relación de amizade con Emil Nolde (imaxes), pintor expresionista que lle transmitiría o seu interese polas máscaras.

Wigman comezou traballando e actuando soa, guiada pola idea da creación da danza absoluta, principio que conlevaba a independencia da danza respecto da música. Foi a primeira en deseñar coreografías estrictamente corporais, sen apoio musical. As súas innovacións técnicas, orientadas cara unha estética feísta, presididas pola deformación e a angulosidade características dos expresionistas, tiveron unha das súas primeiras mostras en a Danza da bruxa, interpretada tan só con instrumentos de percusión.

“Mary Wigman é, sen dúbida, a artsita máis asociada ao movemento expresionista (...) acentuou o lado escuro da realidade e da psique nun intento de que a danza se alonxase do preciosismo que ata ese momento, e moi en concreto no ámbito do ballet, a caracterizara” Ana Abad Carlés: Historia del ballet y de la danza moderna. 2012

Wigman abriu en 1920 unha escola de danza en Dresde. Alí se puxeron as bases do gran peso que en Alemania adquiriu o teatro-danza, cuxa representante contemporánea máis xenial foi Pina Bausch, a pesar da desconfianza de Wigman cara á teatralización da danza. Pero Wigman tamén estendeu a súa influencia aos Estados Unidos, país no que realizou unha xira en 1930 que tivo como secuela a creación en Nova York, ao ano seguinte, dunha escola de danza que seguía os seus postulados expresionistas.

Foi nos anos 20 e 30 cando a sona e a mestría de Wigman alcanzou os seus momentos máis brillantes con obras como Totentanz (1926), moi influída pola estética xaponesa do teatro Noh e que, á súa vez, sería unha inspiración para a danza butoh. Wigman utiliza máscaras, unha iluminación contrastada e concentrada nunhas bailarinas que se moven nun espazo despoxado.

Mary Wigman viviu en permanente contacto cos círculos vangardistas. Porén, a súa figura e o seu legado viuse entoldado polas dúbidas que ofrece a súa conduta cando Hitler chegou ao poder. O nazismo produciu un exilio intelectual e artístico, e aos pintores expresionistas se lles prohibiu mesmo pintar na súa casa. Wigman, porén, continuou traballando en Alemania sen problemas porque aceptou expulsar da súa rede de escolas a todos os seus alumnos xudeos.

Danza da bruxa, 1914, Mary Wigman

Docu de 40´. No min 9:40-10:54 fala sobre a máscara en danza

Exodus (1939) de Hanya Holm. Alemana, discípula de Wigman desde 1921, que se establecerá en 1936 en EEUU por razóns políticas.

Kurt Joos

Kurt Joos (1901-1979) é xunto con Von Laban e Mary Wigman o terceiro personaxe na historia da danza expresionista alemá. Joos recibiu clases de Laban, pero para el foi máis importante o coñecemento de Lubov Egorova, quen o introduce no mundo da danza clásica. Joos chega á conclusión de que nesa variante artística non todo é desdeñable e vai configurando un método que xuntaba trazos da danza clásica e da expresionista. Isto, xunto con diverxencias sobre o papel do teatro na danza, levouno a fortes enfrontamentos con Mary Wigman, quen consideraba o ballet clásico un fenómeno artístico trasnoitado e sen poder expresivo.

En 1932, nun certame coreográfico internacional celebrado en París, Kurt Joos presentou a súa obra A mesa verde. Esta coreografía era un retrato descarnado dos efectos da guerra sobre a poboación, incluía unha dura sátira aos dirixentes políticos e retomaba imaxes e personaxes da tradición medieval das danzas da morte. Kurt Joos tivo que fuxir de Alemaña cando os nazis chegaron ao poder, xusto ao ano seguinte da estrea do seu ballet, que se converteu nunha obra moi popular e representada. Asentouse en Londres coa súa compañía, os Ballets Joos, desde onde exercería unha forte influencia internacional. Joos protexeu desde os seus inicios a carreira de Pina Bausch, quen levaría a danza expresionista á súa plena fusión co teatro, na liña xa emprendida por Joos.

A Mesa Verde (1932)

A Mesa Verde (1932): a Morte (este personaxe bailouno o propio Joos)

Jeanette Vondersaar, asistente de Joos, fala da actualidade da Mesa Verde no contexto da guerra de Siria

No min 0:48 vemos a Pina Bausch facendo a Nai na Mesa Verde (cara 1954)