Fórmulas teatrais que non demandan investigación
Teatro artístico sen investigación
Unha montaxe de repertorio cuns profesionais de oficio nun marco convencional, en principio non demanda investigación. Por exemplo, unha compañia especializada en Shakespeare, en Teatro Noh, en commedia dell´arte, ópera, etc. que van representar unha peza de repertorio no espazo no que representan habitualmente non precisan de investigación en profundidade. De feito a duración dos ensaios pode ser de dúas semanas.
O exemplo contrario sería o dunha compañía aficionada ou escolar que monta un espectáculo de creación propia nun espazo circular ao aire libre. Terán que investigar para crear unha dramaturxia, para mergullarse nas covencións, para adestrar técnicas, etc.
Entre un extremo e o outro pode haber unha enorme gama. Isto pode aplicarse a todas as artes do espectáculo. Por exemplo, unha sit-com da TVG sobre unha familia galega que vive nunha zona rururbana, e na que case toda a acción sucede en torno ao sofá de tres prazas da sala de estar, non precisa investigación previa. O mesmo podemos dicir dunha peza de danza clásica, de circo, etc.
...
Sobre o teatro artístico profesional que necesariamente demanda investigación xa puxemos exemplos anteriormente: Els Joglars, Chévere, etc.
Teatro aplicado sen investigación
Sobre o teatro non-artístico que necesariamente demanda investigación hai casos moi obvios: non se pode facer teatro científico sen un asesoramento rigoroso, por exemplo.
Pero hai teatro non-artístico que non demanda investigación en relación ao tema concreto que trata a función concreta que estamos a presenciar.
Por exemplo no teatro playback alguén do público conta unha historia da súa vida, escolle os actores para interpretar os distintos papeis e, a continuación, o elenco improvisa a historia narrada de xeito non-naturalista.
Obviamente o elenco ignora de antemán a historia que se vai narrar.
Certamente o elenco ten que estar formado nas técnicas de improvisación (pero iso é formación, non investigación)
E certamente o elenco debe dominar desde unha perspectiva emic os temas e historias que poden xurdir. Por exemplo, sería unha ousadía que unha compañia de playback theatre allea á realidade galega viñera a Galicia para traballar sobre a catástrofe do Prestige, inmediatamente despois de que esta ocorrera. Ou, inversamente, que un elenco galego caia en paracaídas en Afganistán para traballar a violencia de xénero. Pero novamente iso non demanda investigación: non demanda coñecer o país, senón ser do país (de algunha maneira).