Superestrutura

Noción de Superestrutura en antropoloxía

A sociedade e a cultura forman un sistema complexo que interactúa entre si (Harris: 1998, 142). Os compoñentes do sistema sociocultural – que teñen un carácter mental e condutual- son:

  • a supervivencia, a reprodución (infraestrutura),

  • a organización no intercambio de bens e de traballo, a vida cotiá na comunidade (estrutura) e, finalmente,

  • os aspectos creativos, lúdicos, estéticos, morais e intelectuais da vida humana. Estes últimos pertencen á categoría denominada superestrutura, e inclúen a relixión, o teatro ou o deporte.

Exemplos da influencia da infraestrutura nos espectáculos

O materialismo cultural -unha das teorías existentes en antropoloxía- tenta explicar as diferenzas entre diferentes grupos humanos a través do estudo das limitacións e oportunidades materiais da existencia humana.

Por exemplo, a baixa natalidade en Galicia xenera unha maior atención aos nenos, que teñen espectáculos e obradoiros teatrais exclusivos para eles, algo que era impensable hai so trinta anos. Este cambio infraestrutural da lugar a nivel estrutural a festivais e circuítos de teatro infantil e departamentos específicos para nenos nas institucións culturais (departamentos pedagóxicos), así como a demanda de empresas de animación e grupos de teatro infantil. E a nivel superstrutural orixina novos espectáculos, novas formas de relacionarse co público infantil, que o CDG produza para nenos, teatro para bebés, teoría sobre este fenómeno, sensibilización fronte ao maltrato infantil (e espectáculos alusivos ao maltrato), etc.

Isto non quere dicir que aspectos como a produción ou a reprodución sexan máis importantes que os aspectos mentais ou espirituais da cultura. De feito, son os patróns estéticos e éticos os que nos definen como humanos. Tampouco quere dicir que haxa que dedicarse masivamente ao teatro infantil para satisfacer esa demanda. As motivacións para a produción de espectáculos son máis complexas, e os resultados das nosas previsións a respecto do público son moitas veces contraditorios. Recordamos neste punto os tres casos (público infantil, actuacións en xeriátricos e actuación en Guinea) mencionados en 1.1 Noción e características dos espectáculos da nosa tese.

Outro exemplo da incidencia do cambio infraestrutural son as consecuencias que conleva a crise económica (infraestrutura) a un nivel estrutural e superestrutural no sector das artes escénicas e do audiovisual. Nun nivel estrutural no relativo a diminución de redes de distribución. E nun nivel superestrutural no relativo á eclosión de espectáculos de pequeno formato que demandan un investimento mínimo: monólogos, narración oral ou espectáculos de títeres unipersoais.

O espectáculo como patrón universal

O materialismo cultural permite explicar mellor por que unha poboación humana posúe un conxunto de valores e patróns estéticos diferente das outras.

A arte e os espectáculos pertencen á superestrutura, son aspectos recorrentes e comúns a todas as culturas, ou sexa, patróns universais. A superestrutura pode e debe ser contemplada desde unha perspectiva condutual (socioloxía) ou mental (estética). Daí a importancia dun estudo interdisciplinar na investigación sobre os espectáculos.