Animais. Dor e morte.

O que resultaba exótico, gracioso ou interesante nunha época, agora resulta inadmisible. Comparto a opinion de Fontdevila, de quen podemos ver a tira enteira picando na imaxe, de que o humor (e no noso caso, o espectáculo) responde ao seu tempo.

Violencia na ficción, na non-ficción e nos ritos

  • Na ficción admitimos todo tipo de violencia a condición de que esa ficción se creara con violencia ficticia: ou sexa, que se creara con animación, ou títeres, e se se trata de animais ou persoas, que se simulara ese maltrato (que non se maltratase de feito).

  • Na non ficción, na que sabemos que todo está sucedendo de verdade, a nosa opinión é que a exhibición de violencia nos espectáculos non debera estar permitida. Referímonos a artes do espectáculo, a deportes, ás artes plásticas (performance) e a ritos.

  • Nos ritos tamén cremos que a violencia performativa non debera estar permitida. É o caso de algunhas relixións que matan carneiros na rúa, de maneira que non se mata ao animal, senón que se mostra que se mata. É dicir, dase unha espectacularización da morte.

  • Xustiza espectacularizada. As execucións públicas teñen un carácter moralizante, e, en tempos, eran o espectáculo que máis público congregaba na comunidade. Existen varios motivos para isto: eran amplamente publicitadas, eran gratuitas, os aforos dos espazos onde se celebraban eran grandes (prazas públicas) e polo propio morbo da execución. Dentro da xustiza espectacularizada e exemplarizante hai que distinguir entre a legal e a ilegal, ou sexa, os linchamentos.

  • O relativismo que aqui defenderemos non é absoluto. Está en relación - por iso se chama relativismo - a un momento e a unha cultura. Pero ao mesmo tempo é obvio que existe un progreso humanístico. Como afirma Steven Pinker:

A cuestión cultural

Estes principios que acabamos de establecer sobre ficción, non-ficción e ritos non son universais, senón relativos ás culturas, como sucede en todos os aspectos do espectáculo. A casuística é moi variada ao longo dos séculos, da xeografía mundial e das diferentes culturas. Na España actual hai debuxos animados e títeres que censuran, ás veces con éxito, pola súa violencia. O que nun país como a India é reprobable, pode ser aceptado en España, e viceversa. Vexamos dous casos contemporáneos moi diversos:

  • Con animais: No ano 2020 a televisión pública andaluza (Canal Sur) segue emitindo regularmente ás 18:00h espectáculos taurinos nos que se tortura e mata a varios touros.

  • Con persoas: No ano 2019 en Yemen segue executándose públicamente aos violadores e asasinos de menores. O xornalista yemení Ahmad al Gohbary afirma que o público goza da execución e berran “xustiza, xustiza”, o cal non resulta sorprendente dada a natureza do crime.

As expectativas do público son diferentes e tamén a súa visión do mundo. Sen sair de Galicia, non podemos ter as mesmas consideracións nun espectáculo sobre gastronomía que presentemos nun congreso de veganismo, que na Feira do carneiro ao espeto. Pero se cadra as expectativas non son moi diferentes entre os espectadores dun Rodeo Americano e os que asisten á Rapa das Bestas.

Autonomía moral

Tamén a autonomía moral é unha cuestión cultural, aínda que supoñemos que Kant non estaría dacordo con esta interpretación posmoderna. Con todo, hai neste caso unha diferenza interesante entre ficción e non-ficción:

  • Históricamente a non-ficción de dor, violencia e morte era e segue sendo presenciada polos nenos. Referímonos as execucións, os linchamentos, os Autos de Fe, os sacrificios de animais, as touradas...

  • Non obstante, as polémicas sobre se os nenos poden ver ficcións violentas son frecuentes. Non so se dubida da autonomía moral dos nenos en relación á ficción, tamén dos adultos, e así temos a longa historia da censura sobre a temática de suicidios no teatro en China e en Xapón. É dicir, aparentemente, cando se censura a violencia e a morte é no caso da ficción.

Corpos sagrados

Os límites éticos en relación a persoas e animais exténdense tamén aos seus corpos, aínda que xa estean mortos. A prohibición de utilizar corpos humanos con propósitos espectaculares está extendida por todo o mundo actualmente. Pero non sempre foi así. Lembremos o caso de PT Barnum que creou un grande espectáculo público en Nova Iorque con motivo da autopsia da suposta coidadora de George Washington. É necesario puntualizar que era afroamericana, polo que supoñemos que o seu corpo non estaba considerado tan sagrado como o dunha muller branca.

Na ESAD- Galicia houbo un caso polémico hai uns anos con motivo da mostra dun alumno no que se utilizaba un coello morto. Tratábase dun coello conxelado da marca Coren, que - se non recordo mal era cravado nunha cruz -, pero finalmente, debido ás presions, non se utilizou o animal. No entanto, nos anos noventa presenciamos un marabilloso espectáculo de Marionetes do Porto no que se manipulaba un frango morto no conto de Carrapuchiña vermella. Vexamos a crónica do espectáculo por Quico Cadaval:

  • "No espetáculo que vi em Redondela, um monstro da cena portuguesa, Joao Paulo Seara Cardoso, disfarçado de ex-agente da PIDE com dificuldades económicas contava a história do Capuchinho Vermelho dum modo paranoico servindo-se para as suas manipulaçons marionetísticas de productos alimentares que ele trazia numha bolsa de supermercado. A avoa era um chouriço do pais, Carapuchinha umha salchicha e o lobo um polo, que se chamava Francisco Frango. O conto ja se sabe como acaba, o polo é recheado com os embotidos. A arte de Joao Paulo para dar-lhe vida a aqueles objetos era fascinante, manipulava melhor que os mass-media. Era tam bonito que eu, desagradecido, pensei num paralelismo entre a política e as marionetas. (Quico Cadaval in “Vieiros Galicia”)

Aínda antes, en 1979 presenciamos como a nosa compañeira Marisa Soto mataba unha galiña en escena no espectáculo Lenta Raigame, dirixido por Eduardo Alonso. Foron dous espectáculos impactantes, que actualmente resultarían polémicos, pero que no seu día non acharon reparos morais. No ano 2006 Rodrigo García xenerou unha grande polémica por matar un bogavante no escenario dun teatro. Este dramaturgo ten unha longa traxectoria de emprego de animais vivos nas súas pezas: ademais de langostas, ten utilizado pitiños, cascudas, tartarugas, hamsters, caracois, peixes… O autor afirma que “son relevantes (...) por infrecuentes, (...) y ya es difícil ver en el teatro actores como seres vivos, sabemos que el teatro es una maquinaria que tritura a la persona a favor del personaje, que nos aleja de la verdad y nos ofrece estereotipos que insultan nuestra inteligencia.”

Performance e auto-agresión

Rodrigo García pon o dedo na chaga cando se refire ao xiro performativo no espectáculo. Efectivamente, como di Marina Abramovic, na Performance o sangue ten de ser de verdade. Por tanto os animais tamén son de verdade e cando as persoas ou os animais sofren dor, agresións ou morte, tamén é de verdade.

Isto conecta co carácter sagrado dos corpos ao que nos referimos máis arriba, é dicir, co concepto animalista defende de que se debe tratar aos animais como seres con ánima, e por tanto, que se entenda que os seus corpos, mesmo mortos, son sagrados. A performance está íntimamente relacionada co rito porque ambas procuran a transcendencia. O importante en ambas non é o resultado senón o propio proceso de transformación. É este un elemento común que afasta a ambas do espectáculo, que é por definición continxente. Xustamente, porque os corpos dos animais teñen ánima e son sagrados, é polo que son empregados na performance e nos ritos. Animais de verdade, e non simulacions, xa que, como afirma Rodrigo García no seu manifesto Explicación de por qué sois rematadamente tontos:

  • "En el mundo mueren en las mesas de restaurantes unos cien mil bogavantes por día, y resulta que el único que lo hace para una causa poética es el nuestro (...) Mi performance ACCIDENS lleva un subtítulo: matar para comer. A vosotros, los animales os llegan ya muertos y hasta cocinados a la mesa. Escucháis del disco de la vida solo la cara A. Sois rematadamente tontos."

E xustamente, porque os corpos das persoas son sagrados é polo que, tanto nos ritos coma nas Performances ofician persoas e non personaxes. Persoas reais que ás veces, se inflinxen autoagresións reais para producri unha transformación real nos seus corpos.

Nos espectáculos de Performance que xorden a partir dos anos 1960 temos a persoas cun corpo convencional que se autolesionan ou permiten expresamente que os lesionen: Chris Burden, Ana Mendieta, Marina Abramovic, sen esquecer ao Accionismo Vienés, do que algúns membros acabaron na cadea por delictos relacionados coa súa actividade artística.

No ámbito do bufón tamén podemos atopar ese elemento do corpo sagrado. O bufón está intimamente emparentado co Antroido, co escarnio do máis sagrado. Nos freak shows actuais de Jim Rose non é infrecuente ver números de autolesionamento.



Espectáculos de risco

Outra categoría serían certos espectáculos de risco: na década de 1950 a coñecida trapecista canaria Pinito del Oro facía constar nos seus contratos unha nota que dicía: “Es mi deseo, y mía toda la responsabilidad, trabajar sin red” (Pinito del Oro). Sufriu tres caídas case mortais. A primeira vez que caeu do trapecio foi con dazasete anos e rompeu o cráneo. Estivo oito días en coma.

A presenza paulatina da rede en todos os circos crearía unha certa distancia nun primeiro momento, no sentido de que deixaría de ser real o risco, e ao ser menos arriscado e tamén sería menos emocionante o espectáculo. Con todo, acabou derivando nun recurso estético para finalizar o número, deixándose caer os artistas sobre ela no canto de utilizar a escaleira.

Outros espectáculos de risco son os clavadistas e moitos dos espectáculos deportivos baseados na violencia, coma o boxeo ou o Hockei sobre xeo.

As execucións públicas

Son moi coñecidas as execucións públicas con guillotina en Francia, con garrote vil en España ou a queima de herexes en toda Europa. En Estados Unidos non se realizan (teóricamente) execucións públicas desde 1936. Non obstante, ata o día de hoxe, ten habido casos nos que houbo ata 400 testigos para presenciar a execución en recintos carcelarios pechados.

Os linchamentos son tamén execucións espectacularizadas. Neste caso a morte das persoas débese á accións extrajudiciais dunha moitedume. Conforme a wikipedia, en Estados Unidos tiveron lugar ata a década de 1960.

No ano 2012 existían execucións públicas en países como Irán, consistentes en izar con grúas á persoa condeada cunha soga arredor do pescozo. Estas execucións teñen grande afluencia de público, e sen dúbida son emocionantes. Paradoxalmente, teñen un carácter moralizante.

O boi de nome Easy Rider nunha vitrina de cristal durante a representación da ópera Moisés e Aarón, dirixida por Romeo Castellucci.

Animais nos espectáculos

No melodrama empregáronse adoito animais no século XIX. Os cans chegaron a formar un subxénero: os dogdramas.

En Galicia Vicente Montoto montou o monólogo Porcos, con texto de Roberto Vidal Bolaño, no que estaban en escena un porco e máis Vicente. O espectáculo estaba baseado nunha historia real dun emigrante galego que vivía co seu porco en Alemania e os problemas que iso lle acarreaba.

No ilusionismo é coñecido o emprego de pombas, serpes e outros animais. No clown téñense empregado ocas, que son un animal moi clownesco, pero tamén burros.

No vaudeville empregáronse todo tipo de animais: monos, cans, etc.

No circo é moi coñecido o emprego de animais salvaxes. En calquera caso, a orixe do circo clásico está vinculada aos cabalos, como vimos no tema adicado ao circo.

No ao 2016 Romeo Castellucci empregou un touro de 1500 kilos na ópera Moisés y Aaron e houbo moita polémica tanto na súa estrea en París como posteriormente cando chegou ao Teatro Real de Madrid. Romeo Castellucci é un creador característico do teatro posdramático e a estética do performativo.

O Toreo de salón é unha especie de tourada sen animais.

Sustitucion dos animais por títeres

Este é un tema particularmente interesante. Na miña opinión, no caso do circo non ten moito sentido empregar títeres no canto de elefantes ou tigres, porque a experiencia estética que procuraba o espectador era xustamente a dese animal perigoso.

No caso dos touros, a experiencia que se procura é estética e ritual. Particularmente, iría sen dubidalo a corridas de touros nos que os touros foran títeres hábilmente manipulados, e nos que se fixera fincapé na estética da tauromaquia. Pero teño que recoñecer, por un lado, que non procedo dunha cultura toureira, e por outro que me gustan moito os títeres.

Hai unha grande tradición titiriteira de representación de animais, desde os dragóns orientais ata os cabalos de Handspring Puppet Company ou os elefantes de Royal de Luxe, dos que proporcionamos enlaces.

Adestramento de cans en habilidades: diversión e confianza

Son todos os animais iguais?

Unha pregunta que xurde é se todos os animais son igual de sagrados. Aparentemente, canto máis se asemellan ás persoas, máis sagrados son. Un mono estaría no límite superior, pero uns caracois xa non teñen a mesma aura.

Outra pregunta é se é o mesmo traballar no espectáculo con animais domésticos ou con animais salvaxes. Pensemos nos cans ou nos cabalos. Os animais domésticos empréganse para traballar, como por exemplo os cans dos cegos, e tamén como animais de compañia. Estes animais están ben tratados, con cariño e coidados, con boa alimentación e atención veterinaria, e sinten pracer ao realizaren a suas rutinas e agradar. Incluiriamos nestes casos ao circo de cabalos Cavalia, ou a certos espectáculos circenses con cans.

As preguntas fundamentais serían: o animal foi sacado do seu hábitat natural? Ou é un animal que non sería capaz de vivir na Natureza salvaxe (coma un fox terrier, por exemplo)? Está sendo maltratado?

Touros: Arte, cultura, ética e estética.

Ernesto Castro, filósofo: "La tauromaquia es un acto de cultura y de tortura: aunque la ética esté en contra, la estética puede estar a favor" (enlace a unha explicación por escrito)

No video do lado, conferencia "La estética más allá de la especie" de Ernesto Castro en las III Jornadas de Análisis Crítico del Especismo.

Sara Baartman: " A Venus hotentote"

Este é un dos casos éticamente máis reprobables de espectáculos baseados na exhibición de seres aparentemente primitivos.

Neste enlace temos a súa historia, e no video do lado unha ficción sobre ela.