Teatro e Música

Esta páxina funciona a modo de introdución aos temas do Teatro Musical e a Ópera. Nela referímonos a que é difícil concebir o teatro e en xeral calquera arte do espectáculo (circo, danza, deportes artísticos, eventos, ritos, títeres, etc.) sen música.

Tamén facemos mención ao melodrama, que é un xénero teatral no que a música é imprescindible. É un xénero enormemente popular e moi agradecido de interpretar, e a súa fórmula está presente no cine e nas series de televisión, e en todas as artes do espectáculo anteriormente mencionadas. E por suposto, na Ópera e no Teatro Musical.

J. Altozano: música e emocións

Todo teatro é teatro musical

No teatro oriental non se concibe o teatro sen música e sen movemento. É difícil atopar alí xéneros nos que so haxa encarnación (teatro), sen música (canto e instrumentos) ou sen movemento (danza, mimo, etc.)

En Grecia tampouco isto tiña sentido: o teatro grego ten música, danza e teatro, cun coro de cantantes e danzarins e con instrumentistas. No teatro de Shakespeare tamén atoparemos música ao vivo e cancións, aínda que en menos proporción, pero comparte co teatro grego que o texto está baseado en pes rítmicos. En calquera caso o teatro en prosa é un fenomeno moi recente en todo o mundo, e a linguaxe do teatro históricamente foi o verso, ou sexa, a musicalidade na fala.

Polo demais, podemos dicir que todos os espectáculos teñen a música como un dos elementos máis importantes. A razón disto é a influencia da música nos sentimentos do espectador, que tanto as teorías gregas sobre o ethos, como as raga da India, ou a teoría dos afectos barroca contemplan. De feito poderiamos dicir que foron as primeiras teorías da recepción.

A dia de hoxe isto resulta moi evidente se pensamos no cinema, xa que é prácticamente inconcebible unha película que non teña música. Unha música que con frecuencia afecta máis ás nosas emocións (medo, terror, melancolía, alegría, etc.) do que a propia imaxe.

Javier Krahe, chansonnier.

Espectáculos dramático-musicais: ópera, musical, revista, etc.

O termo teatro musical ten un sentido máis estreito que o que vimos máis arriba, referido a un tipo de teatro no que a música predomina sobre o teatro. Neste sentido máis estreito diriamos que as habilidades extracotiás que deben dominar os artistas son a excelencia no canto e nos instrumentos, e a excelencia na danza.

De feito, na ópera, cando falamos de Plácido Domingo ou de Monserrat Caballé non falamos de actores, senón de cantantes, e o mesmo podemos dicir dos outros xéneros de teatro musical.

A dramaturxia nestes espectáculos de teatro musical está máis en función da música que do texto: o que importa é o que conta a música e cómo o conta. De feito lembramos máis os nomes dos compositores musicais que os nomes dos libretistas.

Levándoo a un nivel elemental, ao nivel da canción, podemos comprobar fácilmente que o que importa nun cantante é a interpretación musical (e secundariamente a interpretación dramática), e que o que emociona na canción é a música (a letra non se entende a maioría das veces). Non obstante, no nivel da canción tamén hai cantantes nos que a letra importa, e moito: son os chansonniers, os cantautores e outros subxenéros nos que é importante que se entenda o que están contando, e nos que importa máis a interpretación dramática que a musical.

Dentro do Teatro Musical, dedicámoslle unha páxina específica á Ópera e outra páxina específica ao teatro de Variedades e Cabaret, que é propio dos chansonniers.

Pink Floyd: máis ca un concerto

Espectáculos musicais: concertos

Os concertos son espectáculos musicais. Algúns teñen moita teatralidade e dramaticidade como os de Pink Floyd ou as bandas de Rock Metal. Outros teñen moita espectacularidade, como as orquestas galegas do tipo Panorama. E outros, como os concertos de cantautores teñen moita dramaticidade.

A variedade de propostas espectaculares é ilimitada: Hai desde concertos eminentemente visuais nos que canta un holograma (é o caso de Hatsune Miko), ata concertos íntimos de flamenco ou de blues. Pero a todos podemos aplicar o principio que desvelou a psicóloga Chia Jung Tsay: a xente confía nos seus ollos - e non nos seus ouvidos- cando xulga aos músicos, polo que debemos deducir que a teatralidade, a dramaticidade e a espectacularidade sempre son tidas en conta.

Moitos espectáculos musicais son híbridos, como os concertos didácticos, ou os concertos de Les Luthiers (híbrido con espectáculos da oralidade). Dos espectáculos eróticos aos que nos referiremos na páxina Variedades e Cabaret podemos dicir que a música e o movemento son parte fundamental.

Ximnasia rítmica, modalidade cinco fitas

Outros espectáculos nos que a música é un trazo esencial

Existen deportes artísticos nos que os elementos da teatralidade son os propios de cada deporte, pero a dramaturxia reside fundamentalmente na música. Son a ximnasia artística, a natación sincronizada ou a patinaxe artística, cada unha coas suas diferentes modalidades. En todas elas as deportistas deben desenvolver un gran sentido do ritmo e unha boa interpretación musical e de movemento.

Nos ritos, celebracións e eventos, que tamén entran no campo de investigación das Artes do Espectáculo, a música é un elemento fundamental. Pensemos nas misas cantadas, no Gospel, nas festas en calquera das súas manifestacións ou na inauguración de eventos como as Olimpiadas.

Outras artes do espectáculo nas que a música é un trazo esencial son o circo ou a a danza, e, como xa deixamos dito, en todas as artes do espectáculo orientais.

Melodrama

Melodrama: de melos (música) e drama (acción)

Xa no teatro grego había melodrama, accións dramáticas cun compoñente sentimental moi exaltado co obxectivo de emocionar ao público. Hoxe en día temos películas, series, óperas e teatro musical melodramático. Poderiamos definilo como un drama sentimental que conta os infortunios dos seus protagonistas. Os personaxes principais son o heroe, o malvado, a inocencia perseguida e acosada... que cumpren a mesma función dramática na actualidade que nas obras clásicas.

A música no melodrama ten unha función emotiva, de tal xeito que nos momentos álxidos da trama, soe un acompañamento musical que lle da profundidade e emoción á historia e aos personaxes. Na ópera e no teatro musical hai canto, pero no teatro e no cine o canto perdeu importancia para acadar un maior realismo.

Melodrama e Philippe Gaulier

O melodrama está considerado un xénero de teatro físico na categorización de Lecoq e Gaulier. Isto débese a que, a diferenza do drama, no que a interpretación é máis contida, no melodrama calquera problema é levado ao extremo da dor e do sufrimento.

Comparte técnicas co clown, o bufón, o cabaret, e a commedia dell’arte e o traballo de máscaras en xeral. É un teatro non psicoloxista, de accións físicas que parten de impulsos, de fix points, sempre botado cara ao público.

Exercicios de melodrama (Gaulier)

EXERCICIO 1

  • Entra un home por un lado, vai ao centro e fai un xesto psicolóxico, por exemplo de namoramento.

  • Entra unha muller polo outro lado e fai outro xesto.

  • Logo búscanse, un por un lado e outro polo outro e non se encontran. Finalmente recoñecense, ámanse, pero teñen que deixarse. E marchan.

Pode ser con diálogo ou sen diálogo. A estrutura sempre é da armonía ao desencontro ou viceversa. Pode ser celos, amor, odio, venganza. Importante: a acción vaise parando como nunha moviola. Os fix points.

EXERCICIO 2

Pídelle a unha muller nova porse diante do grupo e dicir: "A miña irmá vendeu o seu corpo para que eu comprara esta cadeira." Gaulier dille á muler que debe romper os nosos corazóns cando nolo di. Se non o fai, entón fracasará. Ao principio, a actriz tenderá a sobreactuar: "A miña irmá vendeu o seu corpo para que eu comprara esta cadeira", di ela, simulando chorar e logo colgar a cabeza. Pero Gaulier sabe que non rompeu corazón ningún. O melodrama está nos pequenos xestos, dille. A muller debe gañar a simpatía do seu público antes de facer calquera outra cousa. Debe gañar ao público antes de dicir ningunha liña.

"Mira para nos, pero baixa a cabeza", di Gaulier. Ese sinxelo xesto fúndese connosco. É o xesto perfecto da complicidade (é a mirada da princesa Diana). Pero a estudante non da chegado ao momento en que pode empezar a falar. Gaulier pide a dous alumnos que se poñan de pé detrás dela. Xusto cando empeza a falar, instrúeselles a inclinarse e bicala suavemente o pescozo. Levan a cabo este exercicio estraño, e a súa voz ábrese. É suave e clara. Gaulier deulle unha aguillada de pracer. Ser bicada - dúas veces abondou para estimulala fisicamente, para que ela entre no pracer. A actriz conéctanos coas súas emocións. Enche o escenario. Estamos con ela. O ridiculo desaparece. Sentimos a música, a ondada das súas emocións.

Características do melodrama como xénero teatral (1774-1914)

En El melodrama , de Jean-Marie Thomasseau (Fondo de Cultura Económica 1989) atopamos a historia e a noción do Melodrama conforme foi definido en Francia. A continuación seguen algúns apontamentos sobre este texto:

Convencións técnicas do melodrama teatral

1.- As unidades e os tres actos

O melodrama clásico adáptase moi ben a un marco estreito no temporal e espacial. Isto sucede tamén nas películas e nos capítulos das series de televisión

2 O monólogo

Dous tipos: o monólogo recapitulativo e o monólogo patético.

Monologo recapitulativo: no comezo do primeiro acto para presentar as peripecias precedentes. Utilízano personaxes dramáticamente neutros: o inxenuo ou o servinte.

Monologo patético: neste monólogo o malvado pode evidenciar a negrura da súa alma, ou ben a vítima invocar á providencia.

O monólogo do malvado e o da vítima

O Rei Lear, monólogo de Edmund no acto I, escena II:

  • “¡Naturaleza, eres mi diosa! A tu ley mis servicios se consagran. ¿Por qué habría yo de soportar el yugo de la costumbre y permitir que el mundo con su arbitrariedad me desherede, y sólo por tener doce o catorce lunas menos que mi hermano? ¿Por qué innoble o bastardo, cuando mis proporciones son armoniosas, noble mi intención, legítima mi forma como su fuese el hijo de una mujer honrada? ¿Por qué se nos señala como innobles, o viles? ¿Por qué como bastardos? ¿Por qué como ilegítimos a quienes obtuvimos de la furtiva lasciva de la Naturaleza mas gallardía e ímpetu que el que un lecho insípido, tedioso y duro sirve para procrear una tribu de necios, engendrados entre sueño y vigilia? Bien, legítimo Edgard, poseeré tu patrimonio. El amor de nuestro padre es el del bastardo Edmund tanto como lo es de su hijo legítimo. ¡Qué graciosa palabra, su “legítimo”! Pues muy bien, mi legítimo, si esta carta llega y prospera mi ardid el bastardo Edmund suplantará al legítimo. Crezco, prospero. ¡Oh, dioses, en pie con los bastardos!”

El duque de Aquitania (1817), do Duque de Rivas:

Elisa, no seu primeiro parlamento, resume así a súa situación novelesca:

  • “Desastres e infortunios me circundan... Un padre desgraciado a quien la diestra de un alevoso pérfido asesino del sagrado Jordán en las riberas arrebató a mi amor... La adversa suerte de una madre infeliz, que a la hora mesma que me puso en los brazos de la vida la hundió la Muerte en la quietud eterna, y un hermano que existe miserable allá en Jerusalén, entre cadenas, son los bienes que el mundo ante mis ojos, ¡desventurada yo!, sólo presenta”.

Temáticas: a persecución, o recoñecemento, o amor

A persecución por parte do malvado é o eixo de toda intriga melodramática. Antes de que este aparecese, todo era armonía. A persecución mantén o suspenso.

A persecución remata nun ou varios recoñecementos. Tamén estará presente o presentemento que é un xogo que nos prepara para o patetismo e o dramatismo do recoñecemento.

  • Recoñecemento de feitos: cartas roubadas, perdidas, citas fallidas, enderezos falsos...

  • Recoñecemento de persoas: sustitución de nenos, parecidos fortuitos ou premeditados, usurpación de títulos...

No melodrama clásico o amor está en segundo plano. Importan a gratitude, o amor filial e maternal, o sentido do honor, a devoción patriótica.

Os personaxes

Os personaxes son máscaras codificadas no seu comportamento e linguaxe e identificables de inmediato.

  • O Malvado:

    • Apariencia física estereotipada: cabelos negros, ollos grises, cara loura. Bisba en voz baixa, ten voz cavernosa. É extranxeiro.

    • É apresado no momento en que pensaban que ian trunfar, pero é raro que sufran castigo: ou ben marchan esposados entre dous xendarmes ou ben ten final violento morrendo nun combate ou nunha catástrofe natural.

    • Hai unha ampla tipoloxía de malvados, como por exemplo, o tirano sanguinario, que adoita morrer nunha batalla. Os máis sanguinarios son ingleses, os máis namoradizos, italianos, os máis parvos son españois e os máis crueis son orientais.

  • A inocencia perseguida: preferentemente mulleres e nenos.

    • Os nenos abandonados no frío e a soedade levan con eles os signos que permiten o seu recoñecemento e son os grandes heroes das escenas de reencontros.

    • As mulleres no melodrama teñen unha capacidade inagotable para sofrer e chorar e padecen as consecuencias de actos irreparables: maldicións paternas, violacións, casamentos secretos...

  • O personaxe cómico: Unha convención necesaria, que obrigaba ao dramaturgo a introducilo inmediatamente antes ou despois das escenas máis patéticas. Catro tipos de personaxes cómicos:

    • As matronas: xogan un papel costumista similar ao do sainete.

    • Os bravos (e cobardes): sobre todo no melodrama histórico.

    • Os soldados: son rosmóns de grande corazón. Exaltan a condición militar e diríxense aos demais con aforismos de cuartel.

    • Os parvos: son clowns. Ridículos no amor, cobardes.

  • Outros:

    • O pai nobre: Moi convencionais e burgueses. Emiten sentenzas morais. No melodrama tardío son eclesiásticos.

    • O personaxe misterioso: Todo o sabe, todo o ve. Chega a tempo para salvar ao inocente

    • Os animais: Pombas portadoras de mensaxes, cans (que en Inglaterra crearon a moda dos dogdramas), etc.